Sunday 28 de April de 2024

Cun bautismo solidario de mergullo botará a andar o programa de actividades deportivas do Nadal en Fene


Un ano máis, a Concellería de Deportes organiza para o Nadal unha serie de propostas de entretemento relacionadas coa actividade física compartida en familia. A primeira das actividades incluídas no programa é un bautismo solidario de mergullo, que organiza o Club de Actividades Subacuáticas Nautilus coa colaboración do Concello. A maiores, anúnciase un novo Campanadal, clases de patinaxe para persoas adultas e menores e unha nova edición da carreira San Silvestre. E, como novidade, os “Xogos acuáticos en familia” que xa se celebraron en edicións anteriores, amplían horario e prográmanse para todos os días de apertura da piscina durante as festas

O piscina municipal de Centieiras acollerá o sábado 16 de decembro, de 17 a 20 horas, o bautismo de mergullo solidario “Ningún neno/a sen xoguete”, para persoas maiores de 6 anos. A actividade é de balde. O único requisito para participar é aportar un xoguete novo ou de segunda man en bo estado, que se entregará na piscina o mesmo día. Inscricións até o mércores 14 de decembro no correo daviddeibe@casnautilus.org. Esta actividade encádrase na campaña impulsada pola Federación Española de Actividades Subacuáticas que, en Galicia, están a desenvolver a Federación Galega e o
Club de Actividades Subacuáticas Nautilus de Fene.

Tamén na piscina, do 26 de decembro ao 7 de xaneiro, todos os días de apertura da instalación e durante todo o seu horario, desenvolveranse os “Xogos acuáticos en familia”, dirixidos a persoas de todas as idades. Neste caso a actividade ten un custo de 3,25€/día para unha persoa adulta (se se ten bono, computarase como 1 baño) e un máximo de 2 menores. Aforo limitado (18 persoas/hora). O horario de apertura da piscina durante o Nadal, agás festivos, será: de luns a venres, de 9.00 a 13.30 e de 16.00 a 22.00 horas; os sábados, de 9.15 a 13.00 e de 17.00 a 20.00 horas; e os domingos, de 9.15 a 13.00 horas.

As actividades organizadas pola Concellaría de Deportes incluirán tamén unha nova edición do campamento deportivo Campanadal, que se desenvolverá no pavillón da Xunqueira de San Valentín os días 26, 27, 28, 29 de decembro, e 2, 3 e 4 de xaneiro, de 10.00 a 13.30 horas. A actividade vai dirixida a nenos/as de 4 a 11 anos (feitos a día 31 de decembro de 2023) e ten un custo de 15,70€. Neste campus, para o que se establece un límite de 24 prazas, os/as participantes realizarán actividades variadas por grupos de idade: xogos, manualidades, multideportes, baile, música, contacontos, etc.